O Día das Letras Galegas 2025 celebrará a poesía popular oral que “coidaron e transmitiron sobre todo as mulleres”

O Día das Letras Galegas 2025 celebrará a poesía popular oral que “coidaron e transmitiron sobre todo as mulleres”

Non haberá un nome no Día das Letras Galegas do anó que vén, serán moitos. De muller, sobre todo. A Real Academia Galega decidiu este venres dedicar a efeméride da publicación de Cantares Gallegos -esta é a orixe da data- á poesía popular oral transmitida a través dos séculos polas cantareiras. “Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir”, comeza o comunicado institicuinal que celebra “unha tradición centenaria coidada e arrequentada por moitas persoas”, a maior parte das veces mulleres. As voces baixas da historia toman o relevo da poeta Luísa Villalta, homenaxeada o pasado 17 de Maio.

A institución que preside Vítor Freixanes decidiu, non obstante, sintetizar todo un inmenso territorio literario e musical en seis figuras: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira, de Muxía, e as Pandereteiras de Mens -Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Vilar-, de Malpica. A nota emitida pola Academia sinala ademais a importancia de etnomusicólogos e afecionados, responábeis da preservación dun legado que, por momentos, pareceu en risco de extravío histórico. Foi o caso da musicóloga suíza Dorothé Schubarth, que canda o filólogo e académico Antón Santamarina elaboraron o monumental Cancioneiro Popular Galego. Ou do emblemático grupo Milladoiro. Ou dos proxectos discográficos da Central Folque, dedicados a rescatar esta memoria.

“Estas e moitas outras iniciativas de persoas que foron recollendo individualmente os cancioneiros populares por todo o país contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva deostada durante séculos”, di a Academia, “e ameazada polo proceso de urbanización do país”. Non só. Cantareiras e pandeireteiras, engade, xorden vinculadas aos traballos labregos e a axuda mutua. Cando, no esteiro do Rexurdimento e de certa revalorización da cultura propia de Galicia “os coros compilaron as músicas populares” fixaron unha imaxe da música popular: a do gaiteiro e o tambor, “ignorando as achegas de cantareiras e pandeireteiras”. Hai anos que este reducionismo foi esmorecendo.

A música folk contribuíu. Nos 70 foron bandas como os citados Milladoiro ou Fuxan Os Ventos os que se alimentaron deste caudal. “Na propia esencia da poesía popular está evolucionar e cambiar”, afirma a Academia, que enumera proxectos debedores do mundo que conmemorará o 17 de maio de 2025: Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz “ou, xa parte de xeracións máis novas”, Faia Díaz, Sés, Baiuca, Mondra, Caamaño&Ameixeiras, Fillas de Casandra ou as Tanxugueiras.

Читайте на 123ru.net